RECURSOS EDUCATIVOS DIXITAIS

PÁXINA WEB EDUCATIVA: CEIP LORETO
Trátase da páxina http://www.ceiploreto.es/ que oferta actividades interactivas para os 6 cursos de Educación Primaria e para todas as áreas. Este recurso permite ademais seleccionar a editorial coa que se traballa no colexio para seguir a mesma secuenciación dos contidos curriculares. 

En cada unidade, antes de comezar coas actividades, amósanse vídeos e ilustracións a modo de explicación e reforzo dos coñecementos previos. Así mesmo, as actividades corríxeas no instante a propia páxina web, polo que o alumnado é coñecedor en todo momento dos seus acertos e dos seus fallos.

Este material educativo é moi completo e sen necesidade de fotocopiar nada, é posible traballar e reforzar todas as áreas educativas de Educación Primaria dunha forma entretida e significativa para os rapaces e rapazas. Esta páxina web é totalmente gratuíta e só se precisa para poder utilizala de conexión a Internet.

TV:  APRENDEMOS EN CASA (CLAN)
A televisión pública puxo en marcha dende o luns 23 de marzo, un programa educativo diario para que os nenos e nenas dende as súas casas poidan continuar coas aprendizaxes esenciais e non frear o seu proceso educativo.

Concretamente a oferta educativa é para as etapas de Educación Primaria (na canle Clan) e da Educación Secundaria Obrigatoria (canle La 2), dividindo cada etapa en tramos de idade e en diferentes franxas horarias.

A continuación amósase na seguinte imaxe a programación de "Aprendemos en casa" que se desenvolverá nestas vindeiras semanas:

PÁXINA WEB DE MATES: MATEMÁTICAS ONLINE
Esta páxina web é específica para a área de Matemáticas https://www.matematicasonline.es/ e conta con actividades tanto para E.P., como para a E.S.O. e o Bacharelato. Centrándonos na etapa de Educación Primaria, para cada curso podemos atopar actividades divididas en bloques temáticos, traballando os principais contidos curriculares.

Ademais, as actividades preséntanse con debuxos e gráficos moi visuais, o que motiva ao alumnado para realizar as tarefas dunha forma entretida e didáctica. Na seguinte imaxe exponse, a modo de exemplo, algunha das actividades desta Web para 2º de E.P.:


PÁXINA WEB EDUCATIVA: MUNDO PRIMARIA
A web de https://www.mundoprimaria.com/ conta cunha morea de recursos e xogos didácticos dividos por áreas temáticas e por idade. Así pois, as actividades desta páxina son moi visuais e cóntase ademais con outros apartados para descargar fichas fotocopiables, facer lecturas de contos, fábulas ou mesmo ler chistes e adiviñanzas.

APP EDUCATIVA: ENTRENA TU CEREBRO- JUEGOS DE RAZONAMIENTO
Trátase dunha aplicación con diferentes xogos de razoamento para toda a familia. Permite traballar dunha forma amena e entretida os prerequisitos básicos da aprendizaxe (atención, memoria, percepción), tendo que pensar e razoar de forma lóxica para resolver os diferentes retos que se presentan. Pódese descargar dende o móbil, tablet ou ordenador a través do seguinte enlace: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.tellmewow.senior.reasoning&hl=es

BANCO DE RECURSOS: EDUCAPEQUES 
Educapeques é unha plataforma educativa dirixida tanto a docentes, como a pais e nais e o propio alumnado. Conta con moitísima información sobre estratexias educativas, dificultades de aprendizaxe, recursos para a aula... Con respecto a esto último, esta web dispón de xogos educativos e diverso material para todas as áreas e todos os cursos de Educación Primaria, ademais de ofrecer recursos para traballar a atención, a memoria e mesmo a educación vial!!

É unha web moi completa, dende o seguinte enlace pódese acceder á mesma: https://www.educapeques.com/